Saturday 27 de April de 2024

O Concello de Frades conmemora o Día da Muller coa obra “A viaxe de Rosalía”, na que participaron corenta veciños e veciñas


Uns corenta veciños e veciñas de Frades, entre os que había unha vintena de nenos e nenas, participaron esta fin de semana na representación do espectáculo “A viaxe de Rosalía”, coa que o Concello de Frades conmemorou o Día da Muller. Un espectáculo de monicreques, organizado polo programa de dinamización lingüística FalaRedes, que iniciou no multiúsos de Frades unha xira que o levará por outros trece concellos galegos durante os meses de marzo e abril.

Os nenos e nenas de Frades disfrutaron moito do espectáculo, que combina monicreques de mesa e música, e que está inspirado na figura de Rosalía de Castro. De feito, unha vez rematado o espectáculo, achegáronse á actriz e titiriteira Larraitz Urruzola para interesarse polo funcionamento dos monicreques. “A viaxe de Rosalía” é un espectáculo de 45 minutos que ten como fío condutor a Francisca Campo, que conta a historia da súa afillada: Rosalía de Castro, facendo así un achegamento á personalidade da que máis tarde se convertería na escritora máis recoñecida da nosa literatura.